10 febrero 2010

Máis lendas...

BALEA XIGANTE DE SAN CIBRAO

En tempos do bispo San Gonzalo de Mondoñedo apareceu nas costas de San Cibrao unha balea xigante. A balea berraba con tal potencia que se sentía a moitas leguas de distancia. O seu tamaño debía ser verdadeiramente fóra do común, pois os movementos da súa cola erguían ondas tan altas que pasaban mesmo por riba da atalaia. A xente estaba atemorizada coa presenza do cetáceo, e os destemidos baleeiros da bisbarra non ousaban saír ao mar para capturala, tampouco os mariñeiros a faenar, co medo que tiñan. Só as campás da igrexa acougaban a furia da balea e, cando soaban, achegábase á praia e disque falaba na súa propia lingua, con moito amor e dozura.
Foi necesaria a intervención do bispo. Non ben puxera o pé na praia da Caosa, cando a balea se presentou alí, aínda que sen varar na area, e falou naquela lingua estraña con San Gonzalo, que parece que entendeu a súa mensaxe. Pediu barca e barqueiro, pero ninguén quería levalo, só un rapaciño de quince anos tivo valor. Cando a barca estivo a rentes dela, a balea abriu a boca e Gonzalo non dubidou en meterse dentro do enorme animal. Ao pouco tempo saía o santo e levaba nas mans unha imaxe da Virxe. A balea arredouse e nunca máis se soubo dela. A imaxe da Virxe venérase hoxe na igrexa de San Román de Vilaestrofe.

CUBA, X.R., REIGOSA, Antonio, MIRANDA, Xosé.
Diccionario dos seres míticos galegos.


Outra lenda...

LENDA RECOLLIDA POR RISCO EN PEREIRO DE AGUIAR

Contáronlle a Risco en Sabadelle, en Pereiro de Aguiar, Ourense, que só hai unha balea no mar, unha só. Pare cada cinco anos, e cada vez que pare unha filla as mulleres embarazadas corren grave perigo. Vén a terra morrer e a súa filla substitúea.
O que probablemente no sabía a rapaza que llo contou é que esa balea é Leviathán, monstruoso animal mariño símbolo do mal. (...)
Nas viaxes de Simbad lese dunha balea que semella ser unha illa: cando os mariñeiros soben nela, afúndese e afógaos. (...)
Nos fisiólogos gregos a balea simboliza a rameira dos Proverbios, no anglosaxón, o demo e o mal. Borges advirte que a mesma función segue cumprindo en Moby Dick. Pero o que nos chama a atención é o feito de que esta balea morre cada cinco anos, como se fose unha ave fénix, rexenerándose a si mesma.

CUBA, X.R., REIGOSA, Antonio, MIRANDA, Xosé.
Diccionario dos seres míticos galegos.

09 febrero 2010

Unha lenda sobre baleas

SAN BARANDÁN E A ILLA-BALEA

Mentres Santo Ero de Armenteira gozaba coa melodía dun paxaro cantando ao lado dunha fonte (un paifoco ou paporrubio), xentes doutras terras, uns con boa e outros con mala fe, querían coñecer ou conquistar as nosas costas. Un deles, San Barandán ou San Brandán, prior de máis de tres mil monxes, das terras de Irlanda, viuse un día envolto nunha nubeira viaxando nun dos seus barcos, e arrastrado polos ventos foi parar preto dunha das nosas illas. Como inda non tocaba terra, unha balea protexida polos mouros deulle un pulo e arrastrouno dentro da ría. Ao achegarse tanto á costa, a balea quedou varada e non puido saír. O Santo salvouse, e sentiuse tan agradecido que implorou durante nove días aos deuses pola balea, conseguindo, deste xeito, que inda hoxe se poida ver a “Balea Varada” (Illa de Tambo) dentro da ría de Pontevedra, no mesmo sitio onde quedara encallada.
FERRER MOREIRA, A. : As orixes de Galicia
www.galiciaencantada.com

07 febrero 2010

Conserva de actividades


Actividade a pantalla completa