17 marzo 2010

Traballando na baleeira






O pasado mércores 3 de marzo fomos entrevistar a Mercedes, unha muller de San Roque (Cangas) que traballou desde os catorce anos na conserveira de Massó.

Hai tres cousas das que nos contou que me chamaron a atención: a primeira foi que cando era a hora de ir indo á conserveira soaba unha bucina e cando tiñan que entrar a traballar soaba unha campá. A bucina soaba sempre que houbera traballo, aínda que fose pola noite.

A segunda, que nas festas do Cristo de Cangas podían traballar na cociña de Massó para sacar uns cartiños, cociñando para a xente de fóra.

A terceira, que as súas tarefas non estaban limitadas soamente a un posto, desenvolvían labores onde se necesitasen, xa empacando, xa na baleeira.

Gustoume moito a experiencia e non me importaría repetir.

NURIA RUIZ RUIZ, 3º ESO B


10 marzo 2010

O topónimo Balea


Este topónimo está relacionado con nomes de praias e zonas da costa. Lémbranos a abundancia da balea noutros tempos nas nosas costas, sobre todo nos meses do inverno.
Xa en 1577 había documentos que falaban deste topónimo, facendo referencia a pleitos entre veciños sobre o aproveitamento dunha balea varada na praia.
Un escrito de 1607 di que na vila de Malpica, na Coruña, era o porto onde se pescaban máis baleas de todos os demais de Galicia, unhas sete ou oito ao ano.
Lugares de Galicia que levan o nome relacionado coa presenza de grandes cetáceos son:
“Balieiras”, cerca do Faro de Corrubedo, en Ribeira,
“Balea”, nome dunha praia en Carnota,
“Carreiro da Balea”, en Corme, A Coruña,
“Balieira”, en San Cibrao, en Cervo, Lugo e
“Punta Balea”, no Salgueirón, en Cangas do Morrazo.
Outros topónimos non nomean directamente á balea, pero fan referencia ou teñen relación con ela, por exemplo: Pico do Atalaieiro, nas Sisargas (Illa Malante), en Malpica, que sinalaba o lugar dunha antiga atalaia para o seguimento das baleas.
Moisés Pérez Cordeiro 1º ESO.

03 marzo 2010

Conversa con Carmiña e Pepe


Un mércores pola tarde, Rosa, Irene, Aitana e mais eu (Teresa) fomos pola tarde a dar un paseo polas vellas instalacións de Massó. De paso, visitamos a Carmiña e mais ao seu home, Pepe, que traballou como encargado de almacén de Massó. Contáronnos vellos recordos e ensináronnos antigos obxectos, como unha bolsa na que empaquetaban as latas, unha lata... Agradecémoslles a súa amabilidade, hospitalidade e paciencia. Graciñas.