Xustificación do título: "Ronseis", porque o que contan é a pegada que ten que quedar na historia e non pode ser esquencida, ademais se vos fixades o movemento do ronsel do barco é moi semellante ao das súas mans, voltéase a escuma, é constante, vivo, e "burbullante", un bulebule coma elas. Do salitre, xa non ten que explicar.
Xa está preparado o documental sobre as mulleres da conserva de Cangas. Trátase dunha homenaxe a todas as que hoxe son avoas das nosas alumnas e alumnos, e que traballaron duramente nuns tempos difíciles, e aínda así tiñan sentido do humor e "eramos felises". Cóntannos desde as súas orixes, os seus primeiros empregos, sempre para axudar na economía familiar, o que non as desculpaba de traballar na veiga ou facer labores domésticos.
Logo faise un percorrido polos distintos postos de traballo dentro da fábrica (dar servizo; empacar anchoa, sardiña, berberechos, mexilóns...; o traballo nas máquinas de cierre; o quefacer na sección de expedicións... E todo acompañado de diversas anécdotas que se agradece escoitar e que son ilustrativas de como vivían.
Co seu testemuño, que se pode considerar patrimonio cultural, queda recollida unha época da vila de Cangas, interesante pola forza desas mulleres que sacaron adiante as familias empacando, velando, "traballando ao marrajo", e iso hai que contalo, non hai que esquecer o Salgueirón, que perdure na memoria das vindeiras xeracións.
E se a iso lle engadimos a riqueza lingüística, pois queda perfectamente reflectida a variante dialectal do Morrazo (peix!, aseite, mosiñas...); a riqueza léxica(pois aparece un rico vocabulario vencellado ao mundo da conserva, "velar", "chopes", "traballar ao marrajo", "escunchar", "vira"...);a riqueza musical e literaria, ao seren recollidas cantigas populares que naceron ao abeiro do traballo na fábrica da conserva e outras que xa se cantan desde a época dos bisavós; a riqueza de imaxes (aparecen gravacións ao lado da fábrica de Massó, na praia de Rodeira, na praia da Congorza, no lavadoiro de Hío, na Rúa Real de Cangas)... pensamos que é un proxecto interesante para ser traballado nas aulas en cursos posteriores. Ademais tamén é un exemplo de como se organizaba unha das fábricas máis importantes de Europa, a de Massó, ao seren mencionados diferentes artigos do seu Regulamento de Réxime Interno, relativos ao servizo de gardería, comedor, asistenta social.
É un bonito traballo, xa non podemos ser obxectivos, pois deixámonos seducir pola tenrura, ilusión, sentido do humor, e encanto destas "sereas" do salitre, destas voces que nos acompañaron durante todo un ano e que aínda teñen moito que dicir. Bicos para todas.
Animádevos e asistide á proxección que terá lugar este venres 18 no Auditorio de Cangas ás 17,30.
No hay comentarios:
Publicar un comentario