21 abril 2010

O TRABALLO NA ANCHOA

A anchoa curábase en barrís con sal. Había que estar sempre pendentes de recubrir con salmoira o peixe. Logo, este chegaba á mesa e rascabas a anchoa cunha especie de rede, e rapábala. Era na Congorza onde se curaba a anchoa, alí elaborábase. A anchoa enrolábase para empacar.

Ademais, elaborábase moito bonito, e toneladas de berberechos que viñan de Ferrol. Entre marzo e abril, pescábase a anchoa, viña de Bermeo. Ían alá ao bocareo. O bonito, primeiro pescábase por aquí, logo xa viña conxelado nos atuneros. Era un traballo moi aquelado. Tamén se traballaba a palometa.

A elaboración da sardiña sen pel e sen espiña era un traballo moi fino, e algunhas non o facían ben, eran fosonas.

Ao principio a sardiña cortábase cunhas tesoiras e logo viñeron algunhas máquinas. As latas pasaban polo tostador e saía a sardiña cocida.

O pai foi pulpeiro. A nai axudou na descarga de area e material para a construción da fábrica, axudaba a descargar o barco (chegaban barcazas cheas de area e material).

Traballou na ballenera, pero non me gustaba nada.

Con 13 anos traballei na de Eiroa, na rúa Fomento. Logo con 14 xa fun buscar traballo á de Massó.

Como as miñas mans eran rápidas axudaba ás que ían máis despacio.

Os chopes eran os traballos máis fortes. Por exemplo, levantar parrillas.

Á gardería chamábanlle a casa-cuna. As escaleiras que subían eran preciosas.

Na parte de arriba estaba o taller mecánico e o taller de envase. Había unhas balconadas.

Na anchoa eramos case sempre as mesmas.

Podían traballar de pé, cando lle sacaban o gordo ao bonito; sentadas, cando empacaban.

Había unha apuntadora que controlaba os pratos que se enchían. Se non facías unha determinada cantidade, xa non estabas na mesa. E daquela ías para os chopes.

Testemuño dunha traballadora da baleeira

TESTEMUÑO DE MERCEDES, TRABALLADORA DA BALEEIRA

(De cando traballou na baleeira, recorda…)
O baleeiro, cando viña traíaas de remolque (abarloadas) e despois amarrábaas alí, para que non marcharan, estaban varadas porque ao mellor traían moitas, tres ou catro.
Había moitos homes pero daba moito choio, porque eran uns bichos moi ghrandes.
Despois había cachalotes. Aos cachalotes non iamos nós, as mulleres. Ían só os homes. Os cachalotes eran para a graxa. Para faser aseite, entendes? Si?
Con ese aseite fasíanse perfumes e todo iso.
Ían pra fóra, pros laboratorios.

Pasouse fame. Eu recordo a meu pai comer enriba dun corcho. Estabamos cheíños de fame. Non había nada (nin pantalóns...) Quen tiña abrigos! Meu corasón! Ai, abrigos! Unhas brochiñas tíñaas eu nos socos para que durara máis o pau.



ESCUNCHAR: quitarlle a cuncha ao marisco; esconchar.
BROCHIÑAS: chatola grande, de cabeza convexa, que se emprega para reforzar o pao dos zocos; chapa, chatola.
ABARLOAR: atracar un barco no peirao co costado pegado a outro, quedando separados só polas defensas; abordar.

17 marzo 2010

Traballando na baleeira






O pasado mércores 3 de marzo fomos entrevistar a Mercedes, unha muller de San Roque (Cangas) que traballou desde os catorce anos na conserveira de Massó.

Hai tres cousas das que nos contou que me chamaron a atención: a primeira foi que cando era a hora de ir indo á conserveira soaba unha bucina e cando tiñan que entrar a traballar soaba unha campá. A bucina soaba sempre que houbera traballo, aínda que fose pola noite.

A segunda, que nas festas do Cristo de Cangas podían traballar na cociña de Massó para sacar uns cartiños, cociñando para a xente de fóra.

A terceira, que as súas tarefas non estaban limitadas soamente a un posto, desenvolvían labores onde se necesitasen, xa empacando, xa na baleeira.

Gustoume moito a experiencia e non me importaría repetir.

NURIA RUIZ RUIZ, 3º ESO B


10 marzo 2010

O topónimo Balea


Este topónimo está relacionado con nomes de praias e zonas da costa. Lémbranos a abundancia da balea noutros tempos nas nosas costas, sobre todo nos meses do inverno.
Xa en 1577 había documentos que falaban deste topónimo, facendo referencia a pleitos entre veciños sobre o aproveitamento dunha balea varada na praia.
Un escrito de 1607 di que na vila de Malpica, na Coruña, era o porto onde se pescaban máis baleas de todos os demais de Galicia, unhas sete ou oito ao ano.
Lugares de Galicia que levan o nome relacionado coa presenza de grandes cetáceos son:
“Balieiras”, cerca do Faro de Corrubedo, en Ribeira,
“Balea”, nome dunha praia en Carnota,
“Carreiro da Balea”, en Corme, A Coruña,
“Balieira”, en San Cibrao, en Cervo, Lugo e
“Punta Balea”, no Salgueirón, en Cangas do Morrazo.
Outros topónimos non nomean directamente á balea, pero fan referencia ou teñen relación con ela, por exemplo: Pico do Atalaieiro, nas Sisargas (Illa Malante), en Malpica, que sinalaba o lugar dunha antiga atalaia para o seguimento das baleas.
Moisés Pérez Cordeiro 1º ESO.

03 marzo 2010

Conversa con Carmiña e Pepe


Un mércores pola tarde, Rosa, Irene, Aitana e mais eu (Teresa) fomos pola tarde a dar un paseo polas vellas instalacións de Massó. De paso, visitamos a Carmiña e mais ao seu home, Pepe, que traballou como encargado de almacén de Massó. Contáronnos vellos recordos e ensináronnos antigos obxectos, como unha bolsa na que empaquetaban as latas, unha lata... Agradecémoslles a súa amabilidade, hospitalidade e paciencia. Graciñas.